BOIRO> A familia okupa da escola unitaria de Cespón, en Boiro, iniciou unha campaña de recollida de sinaturas pedindo axuda para atopar unha vivenda digna. O concello notificoulles en reiteradas ocasións a necesidade de abandonar as instalacións posto que non reúnen as mínimas condicións de habitabilidade.
Adelina e a súa familia levan máis dun ano vivindo na antiga escola unitaria de Cespón, en Boiro. Neste tempo, acondicionaron modestamente as instalacións e dispoñen de luz e auga quente. Sen embargo, dende o concello instáronos a abandonar o edificio posto que non reúne as condicións de habitabilidade esixidas.
A familia non se nega a deixar as instalacións pero sempre e cando atopen unha alternativa para vivir dignamente. De feito, estiveron buscando unha vivenda de alugueiro pero a alza dos prezos fai imposible que poidan facer fronte ó pago debido ós seus baixos ingresos.
Desesperados, ante a posibilidade mesmo de que lle quiten a custodia dos seus dous fillos menores, iniciaron unha campaña de recollida de sinaturas para buscar unha alternativa.
A maior parte dos veciños apoian á familia. Insisten en que neste tempo non ocasionaron ningún tipo de problema á veciñanza e entenden que as administracións públicas deben proporcionarlle os medios para ter acceso a unha vivenda digna.
Pola súa banda, dende o concello sinalan que esta familia é beneficiaria dunha prestación específica para alugueiro de vivenda. Lembran que o inmoble está nun estado deficitario que pode supoñer un risco para a familia polo que xa lle requiriron en reiteradas ocasións que abandonen a unitaria e procedan a regularizar a súa situación.