A boa sintonía entre candidatos marca o arranque da campaña no Barbanza

RIBEIRA> O inicio da campaña no Barbanza transcorreu sen incidencias destacadas. A boa sintonía foi a tónica dunha noite na que, en concellos como Ribeira, case tódolos candidatos posaron xuntos.

A praza do Concello foi o lugar elixido pola maior parte dos candidatos de Ribeira agás o cabeza de lista do PBBI, Vicente Mariño, que elixiu o parque García Bayón para dar o pistoletazo de saída á campaña electoral. IPdeR decantouse pola praza do Centenario pero a súa candidata desprazouse a continuación ata as portas da casa consistorial onde tódolos cabezas de cartel posaron xuntos.

Concorren en Ribeira un total de 7 formacións: o PP aspira a acadar a maioría absoluta para deixar atrás estes catro anos de goberno en minoría. Deberá superar ó Partido Barbanza Independente que hai catro anos convertíanse en segunda forza con 7 concelleiros. BNG e PSOE confían en que o relevo de candidatos, con Luís Pérez Barral e Francisco Suárez-Puerta respectivamente, repercuta nunha maior representación xa que ata o de agora contaban con dous representantes cada un. Vox e o Partido Galego preséntanse por primeira vez na capital barbazá mentres que Rosa García Pose volve a primeira liña política con Iniciativa progresista de Ribeira.

Tamén na Pobra irrompe un partido novo capitaneado por Eloy Sobrido. Veciños Independentes da Pobra aspira a acadar representación nunha corporación da que actualmente forman parte catro grupos. Tres deles no goberno: Nós Pobra, BNG e PSOE e o PP na oposición. Haberá que agardar ós resultados do 28 M para ver se se reedita o tripartito ou, pola contra, os populares de Durán se fan coa maioría absoluta.

En Boiro, o socialista Xosé Ramón Romero aspira á reelección. Na actualidade goberna en coalición con Boiro Novo e o concelleiro non adscrito Carlos Rodríguez que desta volta non presentou candidatura. En fronte, o PP de Fernando García Diéguez, o BNG con Raquel Suárez á cabeza, Iniciativa Cidadá de Boiro liderada por Antonio García e como novidade Esquerda Unida que se presenta a estas eleccións da man de Nestor Sieira.

O cambio de alcalde é unha realidade en Rianxo posto que o nacionalista Adolfo Muíños non opta á reelección. No seu lugar, encabeza a candidatura do BNG o ata agora concelleiro de Deportes e Patrimonio Tito Ordóñez. Na oposición tan só repite como cabeza de cartel Julián Bustelo mentres que PSOE e PP optaron por candidatos novos como Óscar Rial e José Luís Castiñeiras, respectivamente.