Marga Caldas (BNG) presenta un programa deseñado para ‘dar resposta ás necesidades’ da veciñanza

POIO> En Poio, o BNG presentou hoxe o seu programa electoral. A súa candidata, Marga Caldas, describiuno como claro, conciso e directo, e pensado para dar respostas ás necesidades da veciñanza.

Un proxecto pensado coa xente, feito da man da veciñanza e que pretende dar resposta a todas as demandas. Así resume a candidata do BNG á alcaldía de Poio as liñas xerais do seu programa.

A mellora de espazos rurais e urbanos, máis infraestruturas viarias, máis dinamismo económico, deportivo e cultural, máis proximidade e o desenvolvemento da zona de equipamentos da Canteira da Graña, son as cinco ideas clave dos nacionalistas.

Esta contorna acollerá o futuro centro de saúde de Poio, o que permitirá a liberación de Anafáns. Para estas instalacións, os nacionalistas plantexan convertelas nun centro de día. Nesta zona da Canteira da Graña Caldas aposta tamén por construír un auditorio con novos espazos de aparcadoiro e zonas verdes e un pavillón de deportes.

A candidata nacionalista anunciou tamén que o concello leva tempo negociando co Arcebispado a compra da antiga escola infantil de Campelo para convertela nun espazo polivalente.