Sabela Fole busca en Cambados unha maioría absoluta para acabar ‘coas alianzas que só buscan ir contra o PP’

CAMBADOS> Sabela Fole e o PP galego confían na maioría absoluta en Cambados. A candidata xunto con Alfonso Rueda e Luís López realizaron un acto na vila reclamando o voto para que Cambados conte cun único goberno sólido e non con varios partidos como ata agora. Sabela Fole aposta por fomentar as industrias, atender as parroquias e crear unha praia no saco de Fefiñás como as súas principais promesas electorais.

As eleccións municipais están á volta da esquina e os candidatos ultiman os actos para amosar as súas propostas electorais á veciñanza. En Cambados, o Partido Popular quere recuperar un goberno que perdeu hai oito anos. A súa candidata Sabela Fole aposta por fomentar as industrias, atender as parroquias e crear unha praia no saco de Fefiñás como as súas principais promesas electorais.

A candidata estivo arroupada por membros importantes da formación como o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, e de Pontevedra, Luís López. Os populares destacaron a proximidade de Sabela así como a súa intelixencia e amor por Cambados para cualificala como a mellor candidata posible para a vila.

A formación defende que apostar polo PP é apostar polo voto útil e que só a maioría absoluta pode evitar que de novo, todas as formacións se alíen contra os populares.

Na actualidade, o Partido Popular conta con 7 concelleiros tras ser a forza máis votada nas anteriores eleccións, para acadar a maioría absoluta deberá conseguir dous concelleiros máis.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí