SOS para salvar as rías galegas: ‘En dous ou catro anos o mar será un deserto’

VILAGARCÍA> O sector do mar volve alertar da perda de produtividade na ría de Arousa. Máis de 40 colectivos uníronse esta mañá para reclamar un maior apoio por parte da Xunta. Din que fan falta máis recursos humanos, económicos e tecnolóxicos para protexer un espazo sensible ás condicións ambientais e a contaminación. Ante a perda de recursos, reclaman un plan de rexeneración urxente dos bancos marisqueiros. Póñense no peor e din que a ría podería ser un deserto nun prazo de dous a catro anos.

43 colectivos do sector do mar vólvense unir para lanzar un SOS para as rías galegas. Como veñen denunciando dende hai anos, precisan de medidas urxentes que as protexan e garantan o futuro dos sectores que viven del.

Alertan da perda de produtividade alarmante en rías como a de Arousa ou Noia. Tomando como referencia as medias dos pasados vinte anos falan dunha perda economica de case 27 millóns de euros no 2022, 14 millóns só na ría de Arousa.

Acusan á Xunta de non tomar medidas para as rías, insistinto nese plan de recuperación para as rías. Din que fan falta recursos humanos, económicos e tecnolóxicos para investigar e vixiar as condicións ambientais, os vertidos, a calidade da depuración das EDAR e a calidade das augas dos ríos.  Din que xa non é momento de poñerse de perfil e que a toma de decisións é urxente.

Unha situación que, advirten, pode xerar un efecto dominó na economía de moitas vilas costeiras. O  problema, segundo salientan, xa se está a ver no volume de emprego, por exemplo na mingua de permisos de marisqueo.

Din que de fondo hai un obxectivo: mudar o modelo produtivo sen que haxa un debate social sobre as consecuencias socioeconómicas e ambientais. Sospeitan que o novo modelo que se pretende instaurar favorece a intereses foráneos e minoritarios e crea menos postos de traballo que os que destrúe.