O BNG de Rianxo pide ampliar a reforma do colexio Castelao introducindo melloras urxentes

RIANXO> O BNG de Rianxo, a través do seu voceiro Xusto Ordóñez, vén de presentar unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria a través da cal solicita a inclusión dunha serie de actuacións urxentes nas obras de mellora e rehabilitación que a consellería de Educación está a executar actualmente no colexio Castelao.

Para o BNG deberíanse resolver tamén varias demandas da propia comunidade educativa do centro como son os problemas de accesibilidade nos dous edificios, xa que ningún deles conta con elevadores, o que dificulta o acceso das persoas con mobilidade reducida.

Tamén piden que se habilite a antiga vivenda de conserxería para instalar alí a biblioteca escolar e se proceda á substitución do peche exterior do colexio  para mellorar tamén a súa seguridade.