RIBEIRA> A parroquia ribeirense de Aguiño xa conta cunha nova comisión de festas. Trala dimisión da anterior directiva, un equipo de máis de 20 persoas, liderado por Julio Abraldes, colleu as rendas da entidade. A primeira das actividades que desenvolverán será a Festa da Xuventude, o próximo 23 de maio.
A celebración das festas do Carme de Aguiño está garantida. Trala dimisión en bloque da anterior comisión de festas polas dificultades á hora de tramitar os permisos, un grupo de veciños veñen de tomar o relevo. Non son novos posto que xa asumiran as rendas da entidade hai máis dunha década.
Dende o concello de Ribeira quixeron agradecer a gran implicación da veciñanza de Aguiño así como o labor da comisión saínte.
Aínda que as festas do Carme constitúen o evento principal, os membros da comisión están a traballar xa arreo noutras actividades co fin de recadar fondos. O próximo 23 de maio levarán ata Aguiño unha das orquestras máis demandadas así como dous Djs no marco da Festa da Xuventude. Comezaron tamén coa venda de rifas cos que sortearán unha viaxe a Canarias.











