BNG e PSOE acordan unha modificación de crédito de 7,6 millóns de euros para actividades e proxectos ‘urxentes’

PONTEVEDRA> En Pontevedra, acordo entre BNG e PSOE para sacar adiante unha modificación de crédito que permita avanzar en varios proxectos e actividades que a cidade ten en marcha. Trátase, segundo explicou hoxe o voceiro socialista Iván Puentes, de iniciativas esenciais dentro da axenda da súa formación, como a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon e proxectos da estratexia Pontevedra Flúe. A modificación de crédito será de 7,6 millóns de euros e levarase a pleno o vindeiro luns.

BNG e PSOE votarán conxuntamente no pleno de Pontevedra do vindeiro luns para sacar adiante unha modificación de crédito por valor de 7,6 millóns de euros.

Con estes cartos, o concello asumirá a organización da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon do mes de setembro. Tamén a redacción dos proxectos de execución da estratexia Pontevedra Flúe, con 300.000 euros, e da recuperación do Ben de Interese Cultural das Aceñas do Lérez, con 50.000.

Financiamento para a celebración do festival Río Verbena, o desenvolvemento de actividades de Promoción Económica e Igualdade, o funcionamento da canceira municipal, o aboamento de convenios con entidades sociais ou o Plan de Sostibilidade Turística en Destino, co impulso da marca Pontevedra Capital Gastro, son outros destinos que terán estes cartos.

En canto ás negociacións para conformar un posible goberno bipartito, Puentes asegurou que hai votande de retomar as conversas polas dúas partes. Calculan que a vindeira reunión entre nacionalistas e socialistas podería celebrarase a vindeira semana.