POIO> O concello de Poio está en números vermellos. Así o apuntan os primeiros datos da auditoría interna encargada polo novo alcalde. Segundo Ángel Moldes, a día de hoxe débense 8 millóns de euros aos bancos. Unha contía á que hai que sumar ao redor dun millón de euros en facturas pendentes de pagamento.
O alcalde de Poio advirte da mala situación económica que atravesa o concello.
Son os primeiros datos que deixa a auditoría interna das contas municipais encargada polo rexedor. En canto ao orzamento para este ano, Moldes asegura que a maioría das partidas están esgotadas. Entre elas, a destinada ao pagamento de horas extras.
Unha vez máis, o alcalde criticou a xestión económica do anterior goberno e afeoulles que apunten á existencia de 3,2 millóns de euros nas contas municipais. Asegura Moldes que son cartos destinados ao pagamento de nóminas.
Coñecida a situación das contas municipais, a intención do novo goberno é estudar o orzamento municipal para reconfigurar algunhas das partidas e conseguir así liquidez para asumir os proxectos pendentes ata finais de ano.