Xunta e concello de Poio investirán 4 millóns de euros para mellorar o saneamento do municipio

POIO> A Xunta de Galicia investirá 4 millóns de euros en actuacións para a mellora do saneamento da ría. Esta mañá, a Conselleira de Medio Ambiente asinou un convenio co concello de Poio, que achegará o 10% do orzamento. As obras realizaranse no seu termo municipal, incluíndo a construción dun tanque de tormentas na zona da Seca. A intención é licitar o proxecto este ano e comezar as obras no 2025.

A Xunta e o concello de Poio destinarán 4 millóns de euros para mellorar a rede de saneamento municipal. Esta mañá, a Conselleira de Medio Ambiente e o alcalde do municipio asinaron un convenio de cooperación para levar adiante esta actuación, que contribuirá a mellorara calidade das augas da ría de Pontevedra.

A intervención estará financiada nun 90% pola Xunta. O 10% restante corresponderá ao concello de Poio. A obra terá a súa actuación central na Seca, onde se construirá un tanque de tormentas previo ao bombeo que existe nesta zona. A función deste depósito é almacenar as primeiras augas da chuvia e evitar que rematen directamente na ría.

O proxecto contempla tamén a renovación dos bombeos de Porto Campelo e Miradoiro e completarase o axeitamento do bombeo de Froiz. A intención é licitar as obras antes de finais de ano para que poidan estar en marcha no 2025.

Vázquez adiantou tamén que Augas de Galicia xa ten redactado o proxecto para a construción dun novo bombeo e depósito de retención de recheo no concello de Pontevedra. Neste caso, o orzamento superará os 3,5 millóns de euros.