Portosín acolle esta fin de semana a Regata Mar de Finisterre-Trofeo Pitusa Sabín

PORTO DO SON> Portosín acollerá esta fin de semana unha das súas regatas máis senlleiras. A Mar de Finisterre – Trofeo Pitusa Sabín reunirá a unha trintena de embarcacións que disputarán unha das probas máis importantes da clase cruceiro.

Unhas trinta embarcacións participarán esta fin de semana na Regata Mar de Finisterre-Trofeo Pitusa Sabín, unha das grandes probas da categoría cruceiro.

O percorrido destaca pola súa beleza pero tamén pola súa complexidade cun treito de navegación por mar aberto e a presenza de numerosos baixos na zona dos Miñarzos.

Aínda que acada xa a súa trixésimo quinta edición, hai nove anos que esta regata sumou o patrocinio da parella formada por Jacinto Hernández e Pitusa Sabín quen dende entón dá nome ó trofeo, en recoñecemento ó seu apoio á vela.

A proba é  puntuable para o Campionato de España de Cruceiros e o Campionato Galego de Clubs Náuticos.