Unha nova senda peonil mellorará a mobilidade entre Noia e O Porto do Son

O PORTO DO SON> O Diario Oficial de Galicia publicaba hoxe a aprobación definitiva do proxecto da senda peonil que conectará Noia co Porto do Son a través da AC-550. Unha obra que conta cun investimento de 2’7 millóns para fomentar a mobilidade sostible e garantir a seguridade viaria nunha zona con gran tránsito de vehículos.

A Conselleira de Planificación de Infraestruturas desprazouse esta mañá ata o Porto do Son para anunciar a aprobación definitiva do proxecto de trazado da nova senda peonil que conectará os concellos do Porto do Son e Noia, entra as zonas de Quintáns e Linteiros. A actuación, cun orzamento de 2’7 millóns de euros financiados cos fondos FEDER, enmárcase no Plan de Sendas Autonómicas da Xunta de Galicia que persegue un triplo obxectivo.

O alcalde do Porto do Son amosou a súa satisfacción ante a inminente licitación deste novo treito de algo máis de catro quilómetros que se vén sumar a outros xa executados garantindo un tránsito peonil seguro dende o linde con Noia ata a praia da Aguieira.

A intención da Xunta é licitar as obras ante de que remate o ano. Contan cun prazo de execución de 14 meses.