Sanxenxo recibe ós participantes na Volta a España

volta250_170610.jpgSANXENXO> A flota da Volta a España de Vela chegou xa a Sanxenxo. Foi de madrugada, pasadas as 4 da mañá, cando o primeiro barco fixo a súa entrada no Porto Juan Carlos I. O gañador da etapa foi o Safran francés, que pasa a encabezar a clasificación xeral.

A élite da vela oceánica volve a recalar en Sanxenxo.  Un día duro para tódolos participantes, que chegaron exhaustos e abandonaron rápidamente o peirao para tomarse un merecido descanso e deixar que o equipo de terra comezase coas reparacións pertinentes.

Unha etapa dunhas 20 horas de navegación moi intensa, un verdadeiro sprint para estes barcos, os Imoca 60, os Fórmula 1 da vela. O máis rápido en cubrir a distancia de 220 millas náuticas entre Xixón e Sanxenxo foi o Safran, de Marc Guillemot, que se alzou co liderato. Por detrás, outro barco francés, o PRB, que entrou unha hora máis tarde, contra as 05:30 da madrugada.

O Movistar, ata onte terceiro na xeral, non tivo moita sorte. Primeiro un fora de liña os situaba ó inicio da etapa na derradeira posición. Puideron remontar e colocarse cos de cabeza pero diversos problemas co spi, que acabou por rachar, os retrasou ata o sexto posto da etapa. Iker Martínez e Xabi Fernández son agora cuartos na xeral por detrás do W Hotels de Pachi Rivero e Toño Piris, que se sitúa como o mellor barco español.

Despois do descanso de hoxe, os patróns ofrecerán mañá no Náutico de Sanxenxo unha rolda de prensa. Xa o sábado haberá unha xornada de portas abertas para que o público poida ver de preto estes barcos, os mesmos que disputarán a Barcelona World Race o vindeiro ano, a Volta ó Mundo sen escalas. Xa o domingo a flota abandonará Sanxenxo rumbo a Calpe, no que será a cuarta etapa da Volta a España.

Redacción Salnés