O concello de Ribeira finalizará a obra do parque de Palmeira trala aprobación dos orzamentos

RIBEIRA> O alcalde de Ribeira recibiu esta mañá a un grupo de veciños de Palmeira afectados pola paralización das obras do parque infantil que mantén pechada esta instalación dende hai meses. Dende o executivo comprometéronse a retomar as obras unha vez aprobados os orzamentos que tentarán levar a pleno en setembro.

Esta semana, un grupo de veciños de Palmeira presentou no rexistro do concello unha serie de sinaturas reclamando a reapertura do parque infantil do paseo marítimo.

A instalación leva meses pechada por mor das obras de mellora que se estaban a executar e que a día de hoxe permanecen paradas. O alcalde de Ribeira transmitiulles que a paralización das obras está motivada por unha modificación do proxecto aprobada polo anterior goberno sen a correspondente consignación orzamentaria.

Pérez Barral explicou que en canto se aproben os orzamentos, previsiblemente no mes de setembro, destinarán unha partida para rematar as obras do parque, pendentes da instalación do chan, dando así resposta a esta reclamación veciñal.