A Deputación da Coruña exporta o modelo dos seus centros de transformación alimentaria

O PORTO DO SON> Combater o despoboamento do rural a través da posta en valor dos seus recursos. Este é o obxectivo que perseguen os tres centros de transformación alimentaria que forman parte da rede de coworking da Deputación da Coruña. O carácter colaborativo e a aposta pola sostibilidade desta iniciativa espertou o interese da Universidade de Harvard.

Un grupo de estudo visitaba estas mañá as instalacións do centro de Baroña, no Porto do Son, para tomar nota deste modelo de produción sostible e xerador de emprego no rural que se basea na fonda vinculación co territorio.

O centro de Baroña ten a singularidade de ser pioneiro no procesamento de produtos cárnicos. Os pequenos produtores dispoñen dun servizo de transformación con persoal especializado, asesoramento e estrito control sanitario, co que poden dar saída comercial ós seus produtos dende o lugar de orixe.

Trátase en definitiva de fomentar novos modelos de xestión do territorio que permitan facer rendible a actividade, minimizando o impacto ambiental e favorecendo a fixación de poboación para manter vivo o rural.