Ferido grave un veciño da Pobra tras sufrir un accidente na Autovía

RIANXO> O accidente rexistrábase a última hora da tarde de onte, ó redor das oito e media da noite, na autovía da Barbanza, no quilómetro 19, a poucos metros da saída de Taragoña.

Un vehículo que circulaba en dirección Padrón saíuse da vía e acabou envorcando contra a varanda de protección.

O condutor e único ocupante do turismo,  veciño da Pobra de 41 anos, sufriu lesións de consideración en ambas pernas, despois de saír despedido do seu propio coche.

A gravidade das feridas fixo que tivera que ser evacuado ó Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Ademais da ambulancia, ata o lugar do sinistro desprazáronse un gran número de equipos de emerxencias, entre eles unha dotación do Parque de Bombeiros de Boiro, Policía Local e Protección Civil de Rianxo e efectivos da Garda Civil de Tráfico, así como tamén operarios da empresa encargada dos servizos de mantemento da propia vía.