RIBEIRA> O BNG levou ó Parlamento Galego varias iniciativas sobre falla de médicos no centro de saúde de Ribeira. Na actualidade hai máis de tres mil pacientes sen facultativo asignado. O colapso afecta tamén ós consultorios periféricos e ás Urxencias do Hospital do Barbanza.
Non é a primeira vez que o BNG leva ó parlamento galego os problemas na atención primaria. Desta volta, veñen de presentar unha batería de iniciativas ante a situación extrema que vive o centro de saúde de Ribeira con axendas pechadas e longas listas de agarda ante a falla de médicos.
O problema non se limita ó centro de saúde de Ribeira senón tamén ós consultorios periféricos que están a ser cubertos con facultativos doutros centros a tempo parcial.
Dende o BNG inciden en que a situación repercute tamén negativamente nas urxencias do hospital do Barbanza que xa se atopan saturadas polo que instan á Xunta a dotar do persoal necesario ó centro de saúde ribeirense.











