En Marea demandará á Xunta máis medios para o CAD da Pobra

POBRA> O grupo parlamentario de En Marea trasladará á Xunta a necesidade de garantir unha rede pública de atención temperá en toda Galicia. O voceiro da formación, Luís Villares, visitou esta mañá as instalacións do Centro de Atención á Discapacidade da Pobra que dá servizo a máis dun cento de nenos de toda a comarca. O voceiro de En Marea no parlamento, Luis Villares, e a deputada Paula Verao trasladáronse ata a Pobra para coñecer de primeira man a problemática do Centro de Atención á Discapacidade. Na actualidade, o servizo conta con cento vinte e cinco usuarios, cen na área de atención temperá. Para garantir unha atención de calidade, o concello vese obrigado a adiantar boa parte do financiamento ante o retraso da subvención a atención temperá que concede a Xunta. Tras escoitar as demandas do executivo pobrense e o persoal do centro, os deputados de En Marea levarán ó Parlamento varias cuestións. Ademais do establecemento desa rede pública, demandarán maior axilidade nos prazos e na tramitación da subvención así como unha maior dotación de medios humanos. Deste xeito, insiste o voceiro parlamentario, eliminaríase a lista de espera, actualmente de seis usuarios, Favoreceríase ademais a conciliación familiar e garantiríase o acompañamento dos menores en toda a súa etapa formativa.