POBRA> O Partido Popular da Pobra volverá a levar mañá a pleno a solicitude de dotar ós núcleos de Carrouchas e Rosende de saneamento e abastecemento de auga.
Os populares lembran que hai un ano o Concello aprobou un creto extraordinario para acometer esta actuación e dotar destes dous servizos básicos ós veciños, pero da obra, a día de hoxe, nada se sabe.
Ante esta situación, o PP solicita agora que se licite por vía de urxencia a dotación de auga a estes dous núcleos, ó entender que se trata dun problema grave, que a estas alturas, a piques de rematar o ano 2023, debera estar xa solucionado.
E mentres isto non aconteza, os veciños terán que seguir indo ó regato con carretas e caldeiros para abastecerse de auga potable, e transportala despois ata a súa vivenda para poder realizar as tarefas cotiás.