Un samaín arrepiante ou unha cea inspirada no Exorcista, novidades do Curtas de Vilagarcía

VILAGARCÍA>  Conta atrás para o Curtas en Vilagarcía. O festival prepárase para a súa edición máis ambiciosa, con dez días de programación, entre o 27 de outubro e o 5 de novembro. Van participar 31 países e haberá máis dun cento de estreas, dez delas internacionais. Ademais, novidades tamén na programación paralela, cun Samaín Arrepiante e tamén unha cea cun menú inspirado no Exorcista.

O Curtas prepárase para vivir unha intensa edición de dez días. Estre o 27 de outubro e o 5 de novembro, Vilagarcía acollerá infinidade de actividades. Para mostra, os datos do festival: participarán dez estrelas mundiais e 31 países. Haberá máis dun cento de estreas, dez delas internacionais, o que se traduce en máis de 62 horas de proxeccións.

Ademais, o Curtas ofrece moito máis, con propostas paralelas durante os dez días. Entre elas, unha novidade: unha cea gourmet preparada por Miguel Mosteiro, cun menú inspirado no Exorcista. Só haberá praza para 60 persoas.

Outra das novidades é o Samaín Arrepiante, o día 31, que inclúe espectáculos de rúa, proxeccións de curtas de terror ou un desfile da Santa Compaña. Todo isto, coa implicación do tecido asociativo vilagarcián, do mesmo xeito que ocorre coa Noite Meiga. Unha proposta que tamén tomará as rúas da cidade.

O menú do Curtas é tamén un polo de atracción para centos de persoas que aproveitan o festival para visita-la cidade.

Outro atractivo a ter en conta atopámolo no centor comercial Arousa, onde poderemos visitar o Coche Fantástico e o coche dos Cazapantasma. A Gala Final do Curtas, onde se darán a coñece-los gañadores deste ano, vaise celebrar o 4 de novembro. O evento inclúe tamén un concerto de Broken Peach.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí