PONTEVEDRA> Dar unha segunda vida aos libros e facelo, ademais, por unha boa causa. É a idea que ten en marcha a libraría de Pontevedra Erebor Cómic. No seu establecemento da rúa Poeta Uxío Novoneyra a xente pode deixar os exemplares que xa non quere na súa casa. Aquí póñense á venda. O recadado destinarase ao Banco de Alimentos Rías Baixas.
Dende a súa libraría na rúa Poeta Uxío Novoneyra, en Pontevedra, Ángel Cuñarro está decidido a poñer o seu gran de area para botar unha man aos que o necesitan.
Este é, basicamente, o funcionamento da iniciativa que puxo en marcha en setembro en Erebor Cómics. Dende entón, o seu catálogo convive con estes libros que terán unha segunda vida.
O que se recade coa venda destinarase ao Banco de Alimentos Rías Baixas, en Sanxenxo. Unha entidade cuxo traballo coñece ben o entorno de Ángel.
Dende que se deu a coñecer a iniciativa, a diario recibe no seu local novos exemplares que pouco a pouco enchen os estantes dedicados a este fin.
A primeira doazón entregarase ao Banco para a campaña de Nadal pero Ángel non desbota manter a iniciativa.
A contía recadada ata o de agora rolda os 60 euros pero en Erebor Cómics xa se poden atopar máis de 600 títulos agardando ser descubertos e poder pechar este círculo de solidariedade.











