PONTEVEDRA> O Banco de Alimentos fai un chamamento á poboación. A Gran Recollida anual está próxima, polo que precisan de voluntariado que axude a poñela en marcha. Este ano necesitan 400 persoas para esta acción, que se desenvolverá o 24 e 25 de novembro en preto de 125 establecementos da provincia de Pontevedra. O obxectivo: acadar ou superar os 350 mil quilos de comida recadados o ano pasado.
A Gran Recollida anual organizada polo Banco de Alimentos está próxima. Pero para poder levala adiante, a Fundación Provincial precisa de mans. Calculan que en Pontevedra e na súa contorna son necesarios 400 voluntarios.
A acción desenvolverase os días 24 e 25 de novembro. En toda a provincia, participarán preto de 125 establecementos, adheridos á campaña ‘Alimenta unha vida mellor’. Neles repartiranse os voluntarios, que facilitarán as doazóns físicas ee informarán da posibilidade de realizar achegas económicas en caixa.
O Banco de Alimentos volverá contar este ano cuns colaboradores moi especiais. Á Gran Recollida sumarase alumnado de 40 centros escolares de toda a provincia.
Para esta edición da Gran Recollida, o Banco de Alimentos márcase como obxectivo igualar ou superar os 350.000 quilos de comida recadados o ano pasado. Segundo os seus cálculos, esta contía permitiríalles abastecer ata a primavera de 2024 tanto o almacén vigués de Lavadores como a nave que a ONG ten en Pontevedra. Prevén que o ano que vén sexa especialmente complicado para as familias, tendo en conta a elevada inflación que afecta aos prezos.