O Concello de Pontevedra recuperará a actividade cultural da cidade no mes de xuño

PONTEVEDRA> O alcalde de Pontevedra mantivo esta mañá un encontro con diferentes representantes do sector cultural e creativo da cidade. O obxectivo: tratar de reinventarse e recuperar canto antes a súa actividade.

Volver a ter contacto directo co sector cultural e creativo da cidade, adaptar as novas tecnoloxías e tratar de reinventarse. Con eses obxectivos sobre a mesa, o alcalde de Pontevedra mantivo esta mañá unha reunión cos representantes deste sector para tratar de reactivar canto antes a actividade cultural.

A intención do Concello de Pontevedra é manter, na medida do posible, a actividade cultural programada para os vindeiros meses, como por exemplo as Festas da Peregrina ou a Feira Franca. Neste eido, inciden na importancia de dar soporte e acompañamento a todo o sector creativo da cidade.

O primeiro paso para reactivar a actividade cultural da cidade comezará nas vindeiras semanas. O obxectivo do goberno municipal é aproveitar ao máximo os espazos interiores, limitando o aforo e mantendo as distancias de seguridade.

Unha das actividades que o Concello podería retomar proximamente é o Cineclube. Para facelo e, tendo en conta que o aforo do Teatro Principal quedaría reducido a 60 persoas, o goberno municipal baralla a posibilidade de aumentar as sesións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí