A reforma do primeiro treito da estrada de Marín, en Estribela, estará rematada en quince días

PONTEVEDRA> A reforma do primeiro treito da estrada vella de Marín afronta a súa fase final. A Xunta calcula que nuns quince días poderá estar rematada. Sempre e cando o tempo acompañe e permita realizar as tarefas de asfaltado da calzada. A intervención céntrase nuns 500 metros da rúa Avelino Montero Ríos.

Nuns quince días a Xunta prevé rematar a reforma do primeiro treito da PO-546, máis coñecida como a estrada vella de Marín.

Esta intervención actúa nuns 500 metros da rúa Avelino Montero Ríos, en Estribela. Conta cun orzamento de preto dun millón de euros destinado a mellorar os servizos e a seguridade viaria desta estrada, que contará con tres pasos de peóns elevados.

Tamén na PO-546 e no termo municipal pontevedrés, a Xunta ten previsto actuar en 6,6 kilómetros entre Mollavao e Os Praceres. A intención é comezar a obra no segundo trimestre do 2024.

Dende o concello recordan, ademais, o acordo acadado esta mesma semana co presidente autonómico. Polo cal estes treitos pasarán a ser de titularidade municipal tralas obras.

A actuación que está a piques de rematar é primeira fase na PO-546 pero a Xunta actuará noutros dous treitos máis xa no concello de Marín. Aquí se aplicará a mesma filosofía: renovación dos servizos, novo alumeado, pasos de peóns elevados e velocidade limitada a 30 quilómetros por hora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí