A provincia de Pontevedra posicionouse este verán como o destino ‘máis potente’ de Galicia

PONTEVEDRA> A provincia de Pontevedra sitúase como o destino turístico máis potente de Galicia. A ocupación media este verán acadou o 66%. Foi 20 puntos superior á rexistrada no 2020 e soamente cinco puntos inferior á de 2019. A presidenta da Deputación fala da provincia como un destino resiliente cunha gran capacidade de recuperación trala crise da covid.

O segundo verán da pandemia deixa, en materia turística, moi bo sabor de boca na provincia de Pontevedra. O destino acadou unha ocupación media nos establecementos hoteleiros do 66% durante os meses do verán. Estamos a falar de 20 puntos máis respecto ao ano pasado e tan só cinco puntos menos cá no 2019, antes da covid. Carmela Silva fala dun destino con capacidade de recuperación.

Por comarcas, na de Caldas a ocupación media do verán situouse no 66%, 22 puntos máis ca no ano 20. Na de Pontevedra acadouse o 72%, 21 puntos máis, e na do Salnés, chegouse ao 70. Nesta comarca salienta en especial o tirón de Sanxenxo e O Grove.

Os datos tamén son optimistas de cara ao mes de outubro, coa vista posta en especial na ponte do Pilar.

As persoas que visitan este ano as Rías Baixas son dun xeito moi maioritario de procedencia española, acadando o 90%. O resto, proceden sobre todo de Portugal, Alemaña e Francia. A medida de idade sitúase entre os 35 e 60 anos, cun tempo de estadía na provincia de entre 7 e 15 días.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí