PONTEVEDRA> Pontevedra traballará para perfeccionar o regulamento das vivendas turísticas da cidade. O goberno do BNG anunciou que apoiará no pleno do vindeiro luns a proposta que chega dende as filas do PSOE: unha moción para que se cree un grupo de traballo para revisar a norma.
O goberno de Pontevedra ábrese a mellorar o regulamento que se aplica na cidade para o control das vivendas de aluguer turístico. Así o BNG apoiará no pleno do luns unha moción do PSOE que pide a creación dun grupo de traballo cos axentes implicados para revisar a norma.
Os socialistas apostan por elaborar unha ordenanza municipal para este tipo de vivendas. En Pontevedra actualmente óptase pola vía urbanística. É o PXOM o que establece onde se poden dar estes usos: baixos e primeiras plantas ou edificios dedicados integramente a este fin. Estas vivendas identifícanse como usos terciarios.
Estas vivendas precisan dunha licenza de actividade por parte do concello de Pontevedra. Así as cousas, é a Xunta de Galicia quen as inscribe para este fin. Por iso o goberno local reclama ao goberno autonómico que comprobe se as solicitudes cumpren os requisitos.
O Partido Popular, pola súa banda, xa adiantou que optará pola abstención.