O Nadal prenderase en Pontevedra o 4 de decembro, cun despregue de 20 postais por toda a cidade

PONTEVEDRA> As familias, o espazo público e os barrios serán os protagonistas da programación de Nadal que pon en marcha o concello de Pontevedra. As actividades arrancarán o 4 de decembro. O prendido do alumeado dará o tiro de saída a propostas como obradoiros, concertos, teatro ou exposicións, en espazos como a Praza da Ferraría, a Praza do Concello, o Pazo da Cultura, o Recinto Feiral e os centros sociais, o Mercado de Abastos e a Alameda. Ademais, vinte puntos da cidade converteranse en auténticas postais do Nadal para que a xente poida sacar as súas fotos.

O Nadal iluminará Pontevedra a partires do venres 4 de decembro. Ás 7 da tarde a Praza do Concello acollerá o acto de prendido das luces. Que este ano chega ademais con chocolatada e un espectáculo sorpresa.

Será o tiro de saída dunha programación ampla, pensada para que as familias gocen do espazo público. Así, ata 20 puntos da cidade converteranse en auténticas postais de Nadal para que axente faga as súas fotos.

Un dos epicentros será o Mercado de Abastos. A primeira planta acollerá o Nadal Lab, unha das novidades, e os obradoiros de Plántante e Cerámica no Nadal. O día 24 de decembro recibirá a visita de Papá Noel e será o escenario da Festa Infantil de Fin de Ano o 31 pola mañá.

Outra das novidades terá como escenario a Praza da Ferrería. Aquí instalaranse o mercado artesán e o poboado de Nadal. Ademais, os días 18, 19 e 20 haberá un espectáculo de videomapping.

O Auditorio programará oito concertos do 5 de decembro ao 1 de xaneiro. O Recinto Feiral acollerá, como noutros anos, as atraccións e xogos. Este Nadal, como novidade, reservará un espazo para espectáculos para a cativada.

O tren, o escorregadoiro e a pista de xeo volverán á Praza do Concello. Non estarán este ano na Alameda nin a carpa, que traslada as actividades ao Mercado, nin a tirolesa. Outras citas do Nadal pontevedrés serán a carreira San Silvestre o 31 de decembro e a Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro.