O Sindicato de Médicos Unidos chama aos facultativos á folga ata o 28 de novembro

PONTEVEDRA> Nova folga de médicos, desta volta atendendo á convocatoria do Sindicato de Médicos Unidos. Esta mañá concentráronse ás portas do Hospital Provincial para denunciar a precariedade que, aseguran, sofren nas súas condicións de traballo. O paro está convocado ata o 28 de novembro. Tralas eleccións do 29, solicitarán unha reunión co goberno que saia das urnas. E non descartan retomar o paro, desta volta, de xeito indefinido.

Ata o 28 de novembro os médicos están convocados a unha nova folga. O Sindicato de Médicos Unidos quere que as súas reclamacións non queden no esquecemento.

Hoxe concentráronse ás portas do Hospital Provincial. Explican que segundo a Xunta de Galicia, a folga está a ter un seguimento aproximado dun 6%. Eles elevan este dato ao 25% do persoal médico.

Tralas eleccións do vindeiro 29 de novembro, o sindicato solicitará unha reunión co goberno resultante para comezar unha negociación. Se non se escoita esta demanda, volverán recorrer á folga.