Galicia pecha o seu paso por Fitur presentándose como un destino en contacto coa natureza

MADRID> O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o stand de Galicia en Fitur para poñer en valor a nosa comunidade coma destino enogastronómico de excelencia baseado na sostibilidade. Na súa intervención destacou as enormes potencialidades de Galicia, na vangarda do turismo que se está a demandar actualmente, no que priman os espazos abertos e en directo contacto coa natureza.

Galicia celebrou esta mañá o seu acto central en Fitur, que serviu para presentar a campaña coa que a Comunidade promoverá este ano o seu destino turístico baixo o lema ‘Unha viaxe enogastronómica e sostible’. O acto contou coa presenza, entre outras autoridades, do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que destacou a proposta, baseada na calidade da materia prima do produto local, que sitúa a nosa comunidade no mapa da excelencia, adaptada as demandas actuais do visitante.

O stand de Galicia en Fitur tivo hoxe un protagonismo mediático maior, se cabe, que nas dúas xornadas anteriores. Á xa sabida presenza de Rueda, e varios conselleiros, sumouse tamén a da ministra de Turismo, Reyes Maroto, o presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente de Castela León, Alfonso Fernández Mañueco, así como o alcalde de Madrid, José Luís Martínez-Almeida, que non quixeron deixar pasar tampouco a oportunidade de visitar o espazo galego na feira.

Durante os tres días que van de Fitur no stand de Galicia celebráronse máis de medio cento de actos relacionados coa presentación de recursos, produtos e novidades relacionadas co sector turístico. Por el pasaron centos de profesionais, tanto a nivel nacional coma internacional, e tamén xornalistas coa intención de coñecer as potencialidades do noso territorio. Pero Fitur non acaba aquí, durante as xornadas de mañá e o domingo as portas da feira abriranse xa para o público en xeral.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí