As primeiras sondaxes apuntan á viabilidade do proxecto de renaturalización do Gafos

PONTEVEDRA> Os resultados das primeiras sondaxes realizadas para avaliar a viabilidade do proxecto de destape do río Gafos traen certo optimismo ao goberno local de Pontevedra. Hoxe o edil de Obras asegurou que nun principio ve viable a intervención, aínda que recoñeceu que habería que estudar o xeito de facela. De feito, César Mosquera abriu a porta a executar esta renaturalización do río por fases para evitar perder os fondos europeos.

Un muro trapezoidal e máis de 15.000 toneladas de formigón están encaixonando o río dos Gafos dende Alcalde Hevia ata Xeneral Rubín. Son algúns dos datos que arroxaron as primeiras sondaxes que se están a realizar para avaliar a viabilidade do proxecto de renaturalización.

Con esta información, o goberno local ve con máis optimismo o proxecto de destape deste treito urbano do río.

De feito, Mosquera abriu a porta a que se realice por fases para poder afrontar a envergadura do proxecto. A intervención conta cunha subvención da Fundación Biodiversidade de 2,3 millóns de euros e terá que estar rematada antes de finais de 2025.

Segundo o edil de Obras, o destape do río non sería suficiente para axustarse aos requisitos da Fundación Biodiversidade. É preciso acometer a renaturalización do Gafos, unha intervención máis profunda.

Agora comezará a segunda fase do estudo xeotécnico, que contempla perforacións e incluso catas abertas no patio do colexio de Campolongo e na contorna dos edificios residenciais. A intención do goberno local é que o informe final estea rematado no mes de xaneiro para avaliar as posibilidades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí