Aprobadas as novas tarifas do aparcadoiro do Centenario coa abstención do PP

RIBEIRA> A corporación municipal de Ribeira aprobou definitivamente a ordenanza fiscal e o regulamento interno do aparcadoiro do Centenario como paso previo indispensable para a súa municipalización. Os dous puntos saíron adiante nun pleno extraordinario e urxente celebrado este mediodía cos votos a favor do goberno municipal e a abstención do PP.

Unha vez entre en vigor o regulamento do réxime interno o aparcadoiro prestará servizo as 24 horas tódolos día do ano. Incorpora ademais a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos atendendo unha alegación presentada polo PP, a única que non foi desestimada. En canto á ordenanza fiscal establece unha importante rebaixa das tarifas actuais, roldando os 60 céntimos por hora, así como catro tipos de bonos para usuarios habituais. 

A pesar de ter facilitado coa súa abstención a aprobación dos dous puntos incluídos na orde do día, o PP criticou a forma de proceder do goberno municipal por ter convocado ó seu grupo con tan só 24 horas de antelación.

Os populares criticaron ademais que as propostas sometidas a votación son practicamente iguais ás que o seu grupo levara a pleno no mes de maio Daquela, as tres forzas que agora ostentan o goberno votaran en contra retrasando o proceso de toma de posesión do aparcadoiro que propiciou que os administradores concursais iniciasen un procedemento contencioso-administrativo fronte ó que o concello terá que responder.

Non só critican as formas senón tamén  o fondo posto que os populares sinalan que dende setembro que se iniciou o contencioso, o concello non enviou a documentación requirida polo xulgado nin tan sequera designou un avogado para levar o caso polo que están a expensas do que diga a sentenza.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí