RIBEIRA> A pesar de ser o principal porto de baixura de Europa, Ribeira presenta numerosas deficiencias nas súas instalacións portuarias derivadas principalmente da falla de mantemento.
O BNG vén de denunciar o estado de abandono do porto con problemas de limpeza e deficiencias na pavimentación.
A situación, din os nacionalistas, é extensiva a outros peiraos do municipio como o de Ameixida que leva máis dun mes sen iluminación, os de Castiñeiras e Corrubedo con constantes cortes no alumeado ou o de Aguiño coas escaleiras en tan mal estado que supoñen un risco para os usuarios.
Os nacionalistas reclaman a Portos de Galicia investimentos por valor de 150 mil euros para realizar as melloras que precisan os distintos peiraos do municipio, tal e como recollían nunha emenda presentada ós orzamentos da Xunta que foi rexeitada.











