O PSOE desbota artellar unha moción de censura co PP en Pontevedra

PONTEVEDRA> Os votos en contra do Partido Popular e a abstención do PSOE volveron botar abaixo a aprobación destes orzamentos para o 2024. Agora ábrese un período dun mes para que a oposición intente artellar unha alternativa e presentar unha moción de censura. Unha opción que hoxe volveu desbotar o líder do Partido Socialista, Iván Puentes. De non haber unha proposta sobre a mesa, as contas quedarán aprobadas.

Na sesión de hoxe, Miguel Anxo Fernández Lores foi duramente atacado polos partidos da oposición. Dende as filas socialistas, Iván Puentes acusou ao rexedor de falta de diálogo.

Pola súa banda, o Partido Popular puxo o foco na situación de debilidade na que, aseguran, está o goberno do BNG trala derrota nas eleccións municipais do mes de maio. Domínguez insistiu en que a proposta de orzamentos para o 2024 é mala para Pontevedra.

As únicas palabras amables para Fernández Lores chegaron da bancada do BNG. Eva Vilaverde defendeu a xestión do alcalde e a súa decisión de recorrer a esta cuestión de confianza para aprobar os orzamentos.

Tralo novo rexeitamento das contas e da cuestión de confianza, ábrese un período dun mes para que a oposición intente artellar unha alternativa de goberno a través dunha moción de censura. Algo que, segundo Iván Puentes, non está sobre a mesa.

Se non se produce este acordo, o vindeiro 8 de febreiro a tramitación do proxecto de orzamentos para este 2024 poderá seguir o seu percorrido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí