Lores encabezará por sétima vez a candidatura do BNG en Pontevedra cun proxecto ‘a medio prazo’

PONTEVEDRA> Miguel Anxo Fernández Lores optará á reelección nos comicios municipais do 2023. Esta mañá, o rexedor nacionalista confirmaba os rumores e decidía dar un paso adiante, anunciando a súa decisión de presentarse para encabezar a candidatura do BNG en Pontevedra por sétima vez. Fernández Lores asegura que está no seu mellor momento e traballando por un proxecto cun horizonte de 8 a 10 anos.

Miguel Anxo Fernández Lores despexaba así esta mañá as dúbidas sobre o seu futuro. O rexedor confirma os rumores e dá un paso adiante para encabezar a candidatura do BNG en Pontevedra nas eleccións municipais do 2023. Será a súa sétima vez.

Fernández Lores recoñeceu que o actual é un mandato complicado, marcado pola pandemia e a crise. De cara o futuro, explicou que se presentará cun proxecto a medio prazo e cun horizonte temporal: de 8 a 10 anos.

O nacionalista lanzou tamén unha advertencia de cara á campaña do 2023. Cre que chegará chea de infamias. Ademais, negou que o seu paso adiante se deba á falta de relevo no BNG.

Representantes do BNG local e a voceira nacional da formación arrouparon ao líder pontevedrés neste momento.

‘Lores, paixón por Pontevedra’ será o lema da campaña. Máis calidade de vida, apostar pola equidade, fomentar a imaxe de Pontevedra como referente internacional, avanzar na loita contra o cambio climático ou ver rematada a circunvalación de Pontevedra, son algúns dos obxectivos que se plantexa o rexedor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí