Veciños de Monte Porreiro reclaman reunirse co alcalde, piden a dimisión do edil de obras e non desbotan retomar as protestas

PONTEVEDRA> A reunión do pasado xoves entre o concello de Pontevedra e a asociación de veciños O Mirador de Monte Porreiro non serviu para destensar a situación entre ambas partes. O colectivo veciñal asegurou hoxe que pedirán a dimisión do concelleiro de obras, Demetrio Gómez, ao que acusan de falta de diálogo e de non atender ás súas demandas. Insisten en dúas prioridades: reordenar o tráfico e arranxar as beirarrúas de toda a urbanización. Senon, retomarán as mobilizacións.

A reunión do pasado xoves no concello sumouse á longa listaxe de desencontros entre o concelleiros de obras, Demetrio Gómez, e a asociación de veciños O Mirador de Monteporreiro. O rexeitamento veciñal levou ao goberno local a desbotar o proxecto de peonalización que tiña para a rúa Alemaña pero, polo de momento, non hai alternativa.

Segundo os veciños, o barrio ten dúas prioridades: arranxar todas as beirarrúas e reordenar o tráfico. Para isto, propoñen facer dobre carril na rúa Francia.

Insisten en que a solución para as necesidades do barrio é retomar o plan de humanización elaborado pola Xunta de Galicia. Dos 10 millóns previstos, aínda quedan 8 millóns por investir. Piden ao concello que presione ao goberno autonómico. Tamén ao Partido Popular local.

O colectivo convocou á veciñanza o pasado xoves a unha asemblea na que decidiron dar unha marxe dun mes ao goberno local para coñecer que plans teñen para Monte Porreiro. De non ter respostas antes, retomarán as mobilizacións. Ademais, pedirán unha reunión co alcalde.

A mellora do transporte urbano, incrementar o servizo de limpeza no barrio, mellorar a iluminación ou crear unha escola obradoiro para as pequeñas actuacións en Monte Porreiro, son algunhas das cuestións que tamén plantexaron na reunión co concelleiro de obras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí