Gorros e flotadores para protestar pola ‘piscina’ na que se converte o colexio Froebel cando chove

PONTEVEDRA> As familias do alumnado do colexio Froebel, en Pontevedra, están en pé de guerra. Hoxe volveron concentrarse ás portas do centro para insistir nunha demanda xa histórica: que se leve adiante a terceira fase da reforma das instalacións. A actuación contempla a reparación do tellado e poría fin ás continuas filtracións que chegan a supoñer un perigo para a rapazada. Equipados con gorros, gafas e flotadores, reclamaron á Xunta o compromiso por escrito de que a obra se fará neste 2024.

Gorros, gafas e flotadores, como se en lugar de ir ao colexio entraran nunha piscina. Coa rapazada así de equipada volveron protestar as familias do colexio Froebel, en Pontevedra, polo estado das instalacións.

A Consellería de Educación asegura que as obras comezarán en 2024 cun investimento de 1,1 millóns de euros e que se licitarán en febreiro ou marzo. Pero despois de máis de dez anos agardando as familias xa non confían nestas promesas. Así o trasladaron na reunión que onte mantiveron co delegado territorial de educación, César Pérez Ares.

Para as familias, a situación actual xa sobrepasa calquera límite. Denuncian incluso que os charcos que se producen no interior das instalacións cando chove están a afectar ao funcionamento normal do centro.

Por iso están decididos a manter estas mobilizacións diante do colexio Froebel, cos seus particulares ‘Mércores Negros’.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí