A rehabilitación do Valle Inclán remata a súa primeira fase e inicia as obras na cuberta

PONTEVEDRA> As obras de rehabilitación integral do instituto Valle Inclán, en Pontevedra, avanzan en tempo e forma. Os responsables dos traballos dan por rematada a primeira fase, que supuxo o acondicionamento das primeiras nove aulas. A segunda fase suporá a intervención noutras nove aulas e o inicio dos traballos na cuberta, paralizados ata o de agora polo mal tempo. A previsión é que o vindeiro curso comece xa con total normalidade, prescindido das aulas móbiles instaladas no exterior do edificio.

Rematada a primeira fase da obra de rehabilitación integral do instituto Valle Inclán. Os traballos centráronse no acondicionamento das primeiras nove aulas, que xa volverán ser usadas polo alumnado a partires da semana que vén.

A obra atópase a un terzo da súa execución e, aseguran, avanza en tempo e forma. Agora comezarase a traballar nas seguintes nove aulas e tamén na cuberta, que si acumulou retrasos por mor das chuvias.

As características históricas do edificio fan que a rehabilitación sexa máis complicada. Dende a consellería e o propio centro destacan a boa resposta do alumnado.

A previsión é que, de seguir avanzando así, as obras poidan estar rematadas no vindeiro curso para comezar a actividade lectiva con total normalidade. E prescindindo, xa si, das aulas móbiles que están instaladas diante do instituto.