PONTEVEDRA> Nova concentración das traballadoras da cociña do Hospital Provincial de Pontevedra. O persoal do servizo manifestouse hoxe ás portas do centro hospitalario para reclamar a continuidade dos seus empregos. Demandan que cando entre en funcionamento o Novo Montecelo e peche o Provincial, todas as traballadoras sexan subrogadas e poidan incorporarse ao servizo de cociña do novo centro hospitalario. Están chamadas a un encontro coa xerencia da área hospitalaria o vindeiro 24 de novembro.
As traballadoras do servizo de cociña do Hospital Provincial de Pontevedra ven perigar os seus postos de traballo. Está previsto que coa entrada en funcionamento do Novo Montecelo o Provincial peche as súas portas.
Reclaman a subrogación polo Servizo Galego de Saúde de todo o cadro de persoal, actualmente formado por unhas 34 traballadoras fixas. Deste xeito, pasarían a incorporarse ao servizo do Novo Montecelo.
Hoxe volveron concentrarse ás portas do Provincial para facer públicas as súas reclamacións. Levan meses agardando o compromiso da Xerencia da área sanitaria de Pontevedra e o Salnés. Agora están convocadas a un encontro o vindeiro día 24 ás 10 e media da mañá.
Polo de momento manterán as mobilizacións e non descartan mesmo intensificalas se a reunión do vindeiro 24 de novembro remata sen unha solución que garanta os seus postos de traballo.











