PONTEVEDRA> O Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza, preparado para instalarse no Gastroespazo do Mercado de Abastos de Pontevedra. Un acordo a tres bandas entre o centro, o concello e a Xunta de Galicia permitirá poñer en funcionamento un proxecto pioneiro: un espazo no que o alumnado poida testar con público real o aprendido nas clases. A primeira proba será mañá.
Este posto no Gastroespazo do Mercado de Pontevedra, actualmente baleiro, converterase mañá na tapería ZenToloS.
Será o primeiro dos cinco proxectos nados no Centro Integrado de FP Carlos Oroza que probe a súa proposta con público real. Os restantes irán pasando nos sábados sucesivos por este espazo, convertido nun auténtico laboratorio gastronómico.
Estas aperturas serán controladas. É necesario reservar previamente, aínda que as prazas están esgotadas. O prezo será de 12 euros.
A proba de lume será a semana do 12 de marzo. Cada día abrirá un dos cinco proxectos presentando a súa proposta ao público de xeito aberto ata esgotar existencias.
Este proxecto é posible grazas a un acordo a tres bandas entre Carlos Oroza, concello de Pontevedra e Xunta de Galicia. Unha iniciativa pioneira no Estado.
O proxecto terá unha terceira pata que se desenvolverá entre os meses de abril e xuño. Nela, serán os estudantes de primeiro curso os que aproveiten o posto para poñer en marcha diferentes actividades temáticas, como cociña do Mercado de Abastos, receitas das avoas, pratos das irmás Mendoza ou a horta escolar en bocados.