PONTEVEDRA> O persoal do centro de menores Avelino Montero de Pontevedra sae á rúa. Denuncian a decisión da Xunta de Galicia de non cubrir catro prazas de educadores. Unha manobra que lles fai temer polo futuro deste equipamento público. Cren que una vez finalizadas as obras que se están a realizar, o goberno autonómico privatizará este servizo.
O persoal do centro tutelar de menores Avelino Montero de Pontevedra, preocupado polo futuro do servizo. A Xunta de Galicia decidiu non cubrir catro prazas de educadores. Algo que interpretan como un paso máis na intención que cren que ten o goberno autonómico de privatizar o centro.
Hoxe concentráronse ás portas das instalacións pontevedresas. Advirten que a Consellería de Política Social está a eliminar uns postos que son fundamentais. Actualmente o equipo consta de 25 profesionais, doce deles educadores.
Mentres a Xunta opta por reducir o número de profesionais, os sindicatos sinalan que as solicitudes de ingresos están en aumento. No caso do Avelino Montero, o goberno autonómico reduciu a súa ocupación coa excusa das obras que están en marcha.
Así as cousas, das 14 prazas dispoñibles, actualmente no centro hai seis usuarios. Cifra que podería aumentar en calquera momento de existir ingresos por orde xudicial.
Este xoves os sindicatos presentarán alegacións ante a Consellería de Política Social no que se refire á relación de postos de traballo. Unha reivindicación que o persoal agarda que se atenda.