Deteñen en Boiro a unha ribeirense con máis de 200 doses de droga preparadas para a súa venda

BOIRO> Unha chamada dun particular ó cuartel da Garda Civil de Boiro ante o que podería parecer unha emerxencia médica dunha condutora no parque empresarial de Espiñeira foi a que desencadeou a detención desta veciña de Ribeira, acusada dun presunto delito contra a saúde pública na súa modalidade de tráfico de drogas.

Tras comprobar que a muller se atopaba en perfecto estado, os axentes descubriron no interior do seu vehículo importantes cantidades e variedades de substancias estupefacientes que xa estaban dispostas para a súa distribución e venda.

Algunhas delas atopábanse no interior dunha caixa forte.  Incautáronlle 122 doses de heroína, 69 de cocaína, 18 de éxtase, 12 gramos de haxix e 3 gramos de marihuana, ademais de diñeiro e outros utensilios como básculas e elementos relacionados co tráfico de drogas.

A prendida xa pasou a disposición xudicial no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Nº 1 de Ribeira.