Crean un sistema para eliminar as faltas de ortografía xogando coa mente

MEIS> Cantas veces non dubidaron se escribir unha palabra con be ou con uve, se poñerlle ou quitarlle o hache ou se acentuala? A solución está no noso cerebro: a través dun programa de intelixencia ortográfica. O seu creador é o pontevedrés Ramón Guinarte, que puxo en marcha este sistema que pode aprenderse en calquera momento e a calquera idade.

Bruno é un burro con B. Viki unha vaca que se escribe con V. Guille un gato orgulloso de representa-lo G. Doce personaxes dan  vida ás principais dificultades da nosa ortografía. O seu creador é o pontevedrés Ramón Guinarte. El é o autor de SIO, o Sistema de Intelixencia Ortográfica. Un programa que atalla de raíz as dúbidas á hora de escribir.

O método aproveita o sistema de procesamento da mente para conseguir mellora-la ortografía, en especial para aquelas persoas consideradas ‘auditivas’.

O programa foi creado polo Instituto de Neurociencias e Alto Rendemento de Pontevedra. Está dispoñible en formato papel e conta tamén cunha versión interactiva. O seu creador di que calquera das versións serven de adestramento válido para calquera momento e calquera idade.

Un método de aprendizaxe universal, di Guinarte, nun momento no que se está a rexistrar un incremento de erros ortográficos na escrita, por mor da expansión das redes sociais e a mensaxería instantánea, tipo WhatsApp. O sistema pode adquirirse a través dunha descarga na sección de ebooks de Apple ou en formato físico por Amazon.