NOIA> Por segundo ano, o Club SKT Noia, en colaboración co Concello, celebrará unha velada de boxeo que servirá de homenaxe a Tono da Silva, un dos promotores dos deportes de contacto na localidade, falecido repentinamente en outubro de 2022.
A cita terá lugar o sábado 23, nas instalacións da Sociedade Liceo de Noia a partir das sete da tarde.
A velada incluirá un total de dez combates. En dous deles, pelexarase polo cinturón de Campión Galego de Neoprofesionais, tanto na categoría superwelter coma en peso pesado.
Neste último tomará parte o boxeador local Silvestre Gómez, que ten moitas papeletas a facerse co título.
Ademais destes combates, a velada incluirá outras pelexas nas que tamén competirán boxeadores locais como é o caso de Martín Iglesias ou Julia Santos.
As entradas xa se poden adquirir de xeito presencial nos lugares de costume, así como online a través do código QR que aparece nos carteis. O prezo será de 12 euros, dez de forma anticipada.