Arranca a Semana Santa sonense co pregón de Agustín Dosil

PORTO DO SON> Un bo número de persoas asistiron a última hora da tarde de onte na capela da Atalaia á presentación dos actos litúrxicos organizados co gallo da celebración da Semana Santa. Unha festividade de gran tradición na vila.

A Confraría da Paixón do Noso Señor volverá a levar o peso das actividades, como vén facendo dende hai 20 anos.

Este ano, un total de oito procesións, cun esquema semellante ó das últimas edicións. Aínda así resérvanse algunha que outra sorpresa, para a procesión de Xoves Santo.

A Semana Santa en Porto do Son arrancou tamén co tradicional pregón. Este ano a cargo de Agustín Dosil Maceira, catedrático de Psicoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, que animou a tódolos presentes a participar nos actos previstos.

Na presentación tamén tomou parte o alcalde, Luís Oujo. Na súa intervención destacou o traballo que desenvolve a Confraría da Paixón do Noso Señor para que esta celebración poida celebrarse, converténdoa nunha das de maior recoñecemento, non só da comarca, senón tamén de Galicia.

A información do horario dos oficios relixiosos e tamén o das procesións pode consultarse no libro da Semana Santa editado pola propia Confraría, a través da concellería de Cultura e coa axuda da Deputación da Coruña