O Teatro Principal de Pontevedra convértese no epicentro do xornalismo de opinión asinado por mulleres

PONTEVEDRA> O Teatro Principal de Pontevedra convértese no epicentro do xornalismo de opinión asinado por mulleres. Hoxe comezou a sétima edición de As Mulleres que Opinan Son Perigosas. Nesta primeira xornada xa pasaron polo foro nomes como Lula Gómez, Diana Oliver ou Lucía Méndez. Mañá farano Patricia Fernández de Lis, Claudia Morán ou Olga Viza.

As mulleres fanse coa palestra do xornalismo de opinión en Pontevedra. Hoxe comezou no Teatro Principal a sétima edición do foro ‘As Mulleres que Opinan son Perigosas’.

Nesta primeira xornada tomaron a palabra a guionista Lula Gómez ou as xornalistas Jazmín Abuín, Diana Oliver e Lucía Méndez. Dende o escenario, trataron cuestións como o machismo o uso da retranca na opinión ou a maternidade.

A inauguración correu a cargo dunha pequena charla entre as organizadoras, as xornalistas Diana López e Susana Pedreira, a concelleira de Igualdade de Pontevedra, Anabel Gulías, e a deputada responsable desta área, Sandra Bastos.

As mulleres seguirán opinando mañá no Teatro Principal. Será a quenda de Ana G. Liste, que abordará a ética xornalística no tratamento da violencia machista, Patricia Fernández de Lis, que se achegará á ciencia, á tecnoloxía e á saúde con perspectiva de xénero, Mariola Cubells, cun relatorio sobre o papel das mulleres de máis de 60 anos, ou Olga Viza, centrándose na súa experiencia como muller pioneira na información deportiva.