Rescatadas cinco persoas polas ventás ao declararse un incendio nun edificio de Vilagarcía

VILAGARCIA> Incendio no edificio Procoarsa de Vilagarcía. Cinco persoas tiveron que ser evacuadas a través dunha ventá. Todas elas recibiron asistencia sanitaria no punto, pero non foi precisa a evacuación de ningunha delas. O lume orixinouse nun cadro eléctrico no soto. O denso fume espallouse axiña polos distintos andares do edificio, de 12 plantas e un cento de vivendas.

Todo quedou nun gran susto, pero puido ter graves consecuencias. Eran as 12 do mediodía cando o 112 Galicia rexistraba as primeiras chamadas alertando dun incendio neste edificio Procoarsa, de Vilagarcía. Trátase dun inmoble de grandes dimensións, con 12 andares de altura e case un cento de vivendas, situado na intersección da Avenida de Cambados coa rúa Vilaboa, na zona de Sobradelo.

O lume declarouse nun cadro electrico situado no andar -1. Iso provocou que o denso fume se espallase axiña por todo o edificio, obrigando á súa evacuación parcial. Os efectivos de emerxencia, cunguindastre, desaloxaron cinco persoas a través das fiestras. En concreto, unha moza e dúas parellas de anciáns. As persoas rescatadas foron atendidas no punto polos efectivos sanitarios por inhalación de fume. Con todo, ningunha delas tivo que ser trasladada.

Ademais, os efectivos foron peiteando todo o inmoble planta por planta, avisando do desaloxo, nalgúns casos, ou dando instrucións aos residentes dos andares superiores para que tomasen as medidas oportunas para evitar que o fume entrase nas súas vivendas.

No operativo participaron os Bombeiros do Salnés, o Servizo de Emerxencias de Vilagarcía e a Policía Local e dúas ambulancias do 061. Ata o lugar tamén se achegou a concelleira de Servizos Sociais de Vilagarcía, Tania García, para atende-las necesidades das familias máis afectadas. Algunhas delas non poderán pasar esta noite na súa casa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí