O CAD da Pobra e D.S. Smith Cartogal promoven un programa de educación medioambiental

A POBRA> O concello da Pobra e a empresa DS Smith Cartogal subscribiron un convenio para a posta en marcha dun proxecto educativo medioambiental no que participan usuarios do CAD. A compañía doou cinco mil euros para o desenvolvemento das actividades de integración sensorial e sensibilización que contempla o programa.

Usuarios do Centro de Atención á Discapacidade da Pobra participan dende a pasada semana nun proxecto de educación medioambiental impulsado pola concellería de Servizos Sociais grazas a un convenio coa empresa D.S, Smith Cartogal.

O programa ten por obxectivo concienciar sobre a necesidade de coidar o medio ambiente ó tempo que se traballa a integración sensorial dos participantes con saídas ó medio natural. Na 32 semanas de duración do proxecto desenvolveranse actividades de observación de aves, obradoiros de xardinería e reciclaxe ou xogos de orientación e equilibrio.

A posta en marcha deste programa foi posible grazas á colaboración da empresa D.S: Smith Cartogal que achegou preto de cinco mil euros para a contratación dunha terapeuta ocupacional que desenvolve as actividades.

Non é esta a primeira doazón que realiza a empresa, emprazada no polígono da Tomada,  posto que periodicamente proporciona cartón ó concello para as actividades de decoración que desenvolven no CAD.