VILAGARCÍA> Centos de libros usados agardan por unha nova vida en Hojas de Lorien. Trátase da primeira librería de Vilagarcía especializada en libros de segunda man. Detrás deste proxecto está Anabel, unha muller que decidiu darlle un xiro á súa vida poñendo en marcha este negocio. Con el naceu tamén un club de lectura onde os libros se mesturan con café, galletas e moi boa compaña. Este mes están a ler ‘El juego de Ender’.
Libros por aquí… e libros por acolá… centos e centos de libros de segunda man agardan por unha nova vida nesta nova librería de Vilagarcía. É a primeira da cidade especializada en libros usados. Detrás deste proxecto está Anabel, que nun momento onde se atopaba perdida, atopou neste negocio o seu sitio.
Así que conseguiu transformar a súa paixón no seu xeito de vida. Atopou este local, foino enchendo de libros e abriuno hai agora seis meses. E neste tempo, a resposta do público foi excepcional.
Porque ademais de mercar para un mesmo, aquí achégase moita xente que busca un agasallo orixinal. Nestes escasos meses de vida conseguiu xa unha clientela fixa, que se achega por aquí na procura das últimas incorporacións.
E na parte de arriba, precisamente, atopamos un dos recunchos máis especiais. Este é o espazo no que Anabel organiza o seu club de lectura, outro dos seus soños que se fixo realidade grazas a esta librería.
Para o arranque deste club de lectura escolleron ‘La Sociedad Literaria y del Pastel de Piel de Patata de Guernsey’. Este mes tócalle á ciencia ficción con ‘El juego de Ender’. A idea é ir tocando todos os paus.
E os plans para o club de lectura non rematan aquí. Un das clientas é youtuber, Laubythesea, así que un dos proxectos de futuro é facer con ela merendas literarias para que a clientela do local poida tomar nota das súas recomendacións.







