A comunidade educativa do CEIP As Covas, farta do lamentable estado dos baños do colexio

MEAÑO>  A comunidade educativa do colexio As Covas, en Meaño, está farta do lamentable estado no que se atopan os baños. Piden de novo a Educación a que tome medidas e reforme os aseos canto antes, unha petición que veñen arrastrando dende hai anos. As condicións dos baños son tan malas que as familias aseguran que hai nenos e nenas que agardan a chegar á casa para facer as súas necesidades. Non descartan seguir facendo presión para que se atenda a súa petición, recorrendo a tódalas vías precisas.

Portas rotas, o falso teito podre, tapas de sanitarios incompletas, cañerías parcheadas unha e outra vez e radiadores enferruxados. Este é o estado no que se atopan os baños do colexio As Covas de Meaño. Son os propios usuarios, a rapazada que estuda aquí, a que nos conta como se atopan as instalacións.

Eles son membros do Consello Escolas da Infancia neste colexio. Comparten co resto da comunidade educativa o seu malestar por unhas instalacións que se atopan nun estado lamentable. A petición non é nova, xa que hai anos que dende o centro veñen solicitándolle a Educación que tome medidas.

Segundo apuntan, a Xunta argumenta que neste centro xa se teñen feito outros grandes investimentos, como a renovación da cuberta o verán pasado. Unha obra, matizan dende a dirección, que xa se viña arrastrando dende o ano 2019. Con todo, cren que unha cousa non quita a outra.

A preocupación polo estado dos baños tamén se estende entre as pais e nais. Din que se trata dunha cuestión de salubridade.

Esixen un compromiso por parte de Educación e non descartan ir máis alá á hora de facer presión.

Dende o centro tamén estudan pedir un certificado de Sanidade que avalíe o estado dos baños.  Pola súa banda, dende o Concello de Meaño trasladaron tamén a Educación unha petición propia sobre este tema.