Julio García Comesaña e María Jesús Lorenzana, as dúas incorporacións no Goberno da Xunta de Galicia

GALICIA> No novo equipo de Alberto Núñez Feijóo só cambian dúas caras. Julio García Comesaña estará a cargo da Consellería de Sanidade e María Jesús Lorenzana de Emprego e Igualdade. Ademais, por primeira vez dende 2005, este Goberno contará con dúas vicepresidencias lideradas por Alfonso Rueda e Francisco Conde.

Os dous grandes cambios deste novo Goberno da Xunta rexístranse nas dúas consellerías máis relevantes na xestión da pandemia: A de Sanidade pasa de Jesús Vázquez Almuíña a Julio García Comesaña, unha das novas caras deste equipo.

Outro dos rostros que desaparecen deste executivo é o de Carmen Pomar, ata agora responsable da área de Educación, que volve a xestionar Román Rodríguez baixo a nova Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A segunda incorporación ao executivo de Alberto Núñez Feijóo é o de María Jesús Lorenzana, que liderará a Consellería de Emprego e Igualdade.

A gran novidade neste Goberno e a creación dunha segunda vicepresidencia a cargo de Francisco Conde. Algo que non acontecía dende o ano 2005. Conde será o encargado tamén da Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

O primeiro vicepresidente seguirá sendo Alfonso Rueda, que asume ademais as competencias de Turismo.

No resto das Consellerías non hai cambios. Ángeles Vázquez seguirá liderando Medio Ambiente, Ethel Vázquez, Infraestruturas e Fabiola García, Política Social. Ademais, Xosé González renova as súas competencias en Medio Rural, Rosa Quintana en Mar e Valeriano Martínez en Facenda.